miércoles, 18 de febrero de 2009

A Capital


Destas alturas santacruceñas descendimos logo duns días á capital, que sería noso fogar polos próximos dous anos. Nesta altura paga a pena facer unha pequena reseña da istoria de esta cidade.

Saiban suas mercedes e seus mercedos, que en entrarmos os españois nesta parte de Guatemala, sendo o ano de 1524, co noble propósito de traer seus naturais á vera Fé e os liberar dos despóticos tiráns que os rexían, e de paso facerse ricos a sua costa, ou mais ben sobre as costas, dos naturais, este, asentou campo e concello o capitán da oste, o famoso Don Pedro de Alvarado, mais coñecido polo grandísimo profesionalismo da sua señora mai no oficio que lle din o mais antigo, D. Pedro, digo fundou en Iximché, capital que era dos seus aliados mayas Caqchiqueis a capital do reino, dándolle por nome Santiago. Non durou moito esta primeira capital, pois ó pouco, os taimados caqchiqueis negáronse a seguir pasando fame, desatendendo colleitas e familias para iren buscando ouro para tributar os españois, xusto pago que era polos caros servicios no pertencente a Fé e a civilización que estes lles prestaban. Sempre haberá xente desagradecida.

Solventado os problemas, digamoslles tributarios, e deixando ós naturais sometidos, reducidos nas ensinanzas da vera Fé, e ó cargo dos seus antigos tiráns, agora capataces, o esclarecido capitán estableceu capital no val de Almolonga, na falda dunha fermosa montaña, que lle dixeron da auga, por ter unha lagoa no seu cumio, correndo o ano de 1527. Mais catorze anos despois, unha noite sobreveu a traxedia, e a montaña, que resultou ser volcán, sepultou a recén fundada cidade de Santiago. Un erro o pode ter calquera.

Non foi este motivo de desánimo para os poucos sobrevivintes pois caendo sobre, digo trasladándose ó cercano val de Panchoy refundaron a cidade de Santiago dos Cavaleiros, en tan fermososo val, rico en cereais e frutas e outras moitas cousas de proveito que os naturais do val, xenerosamente cedían, mais lles valía, ós veciños da nova cidade. Foi esta cidade xoia das Indias, diseñada por arquitecto italián e todo iso, fermosa, de igrexas, pazos, colexios e hospitais, sede do goberno, sé de cuatro dióceses, da universidade, berce de cultura e civilización. E recén estaban rematadas a catedral e o pazo dos capitáns xerais, deulle a terra por se sacudir no ano de 1773 e día da festividade de Santa Marta deixando a cidade en ruinas.

Vendo que nen a terceira, trasladouse entón e de forma definitiva a capital, sé, goberno e concello ó val da Ermida, i esta vez sen lle chamar Santiago, non fose o demo, que algo lle volvese a pasar, ou quezabes foi mesmo o Santo Apostol, vendo que tanta carga lles causaba ós naturais a cidade do seu nome. Así, a cidade capital chamouse Nova Guatemala da Asunción.

A refundación da cidade foi recebida con grande alegría e alborozo nos pobos do val de Panchoy e con grande aflición e choros, nos pobos do val da Ermida. Vaian vostedes saber porqué.

lunes, 2 de febrero de 2009

Rumbo ás alturas


Na seguinte xornada alcanzamos xa gran altura, concretamente, os mais de dous mil metros sobre o nivel do mar nos que se encontra a vila de Santa Cruz del Quiché, comprobando que o que se gaña de trópico por latitude perdese por altitude, en resumo, en troques da paisaxe de cocoteiras e praias de area blanca, atopámonos nunha paisaxe de piñeiros, abetos, cedros, carballos millo e neboa. Temperatura mediante, desenvolveu a miña fermosísima e moi tropical señora unha grande afición a gastronomía local, especialmente ó tempo de ser cociñada, no que aquí apropiadamente chaman estufa.

Calefacción aparte, entramos aquí en contacto con caldos de res, de gallina, tortillas, atoles, frijoles, te jamaica, tortillas, tamales rojos, tamales negros, frijoles, quesadillas, tortillas, uacamoles, frijoles, chirmol, churrasquitos, pepianes, tortillas, kak'ikes, frijoles, ceviches, chiles rellenos, frijoles, cerveza Gallo, Cabro, Moza e Dorada e ante todo, sobre todo e en todo, frijolitos e tortillas de millo, "los tres tiempos" é dicir, almorzo, xantar e cea.

Chegada o pais dos volcáns


Tempo ha que quero poñer por escrito as andanzas que anduvimos e as aventuras nas que nos envolvimos, e como se desenvolveron desde que chegamos a estas terras de América. E aquí, por fin, chega a primeira parte, na que se relata como chegamos a esta cidade de Guatemala.

Foi a viaxe interesante, digo interminable, por ser obligados a voar con esa compañía orgullo da nosa aviación, modelo de eficiencia e cortesía, asoballados, insultados e de mil maneiras maltratados por eses admirables tripulantes, de gran profesionalismo e sangue frío, capaces de atropellar co carrito o incauto pasaxeiro mentras falan a gritos ca compañeira 40 filas mais en diante. Tamén tiveron o detalle de nos perder parte da equipaxe, tradición e marca da casa, precisamente onde toda a roupa interior ía.

Entre equipaxes e istorias acontecen as primeiras dificultades idiomáticas, e son amablemente requerido a lle "mostrar la colita por favor" a unha empregada do aeroporto co obxeto de recuperar, precisamente, a roupa interior. Outras dificultades pasou miña señora, por sorpresa dos funcionarios que nunca tiveran escoitado de un lugar chamado Illas Filipinas, nen que nel houvera xente. Despois de algún debate, sobre a vida, tempo, matrimonio, fauna salvaxe, astros, materia oscura, antigos mayas, fondos mariños, a vida do mais aló e chocolatinas, algo xa cansados mais felicitados e agasallados polos funcionarios de aduanas conseguimos sair do aeroporto de La Aurora; Guatemala, ó fin