viernes, 22 de mayo de 2009

A fronteira de Belice


Pasando Melchor de Mencos e cruzando o río Mopán éntrase na Honduras inglesa, hoxe república de Belice. O achegarse o autobús, por pista de terra, ó pobo de Melchor de Mencos, parou o conductor para deixar entrar ós cambistas, que con ar quasi de profetas contanban que alén do Mopán é a terra do sangue e do lume, das plagas, das crecidas e dos cigarros a precios indecentes, ademais de que eles ofreceren a última oportunidade de cambiar nosos Quetzales, ou preferiblemente Euros, por dólares de Belice, so pena de non só non encontrarmos quen nos cambie, senon de que a guardia fronteriza de Belice nos empalará nun pau mentres feroces cans nos devorasen as entrañas. Tratando de non rir moi visiblemente deixamos andar ó moi imbecil do cambista ver se con gringos tiña mais sorte, que penso que tivo, porque a grandes voces protestaban estes gringos, lidiados como novillos polo cambista.
Chegados por fin a fronteira, en liña, que turistas escandinavos, suecos creo, trataban de saltar, con grande escándalo, pasamos a pagar o dereito de saída da república de Guatemala, pago, certo, que non é legal, por non estar estipulado en qualquer reglamento mais que eu e miña fera Señor non acatamos e mais intimidamos cos nosos pases ós funcionarios que só trataban de ordeñar turistas.
E pasado este trámite, comendo unhas ensaladas de rábano compradas nos postos Queq´chí pasamos á aduana de Belice, eu tirando da miña Señor, que inda se ría, a grandes voces, dos cambistas, que ficaron coas caras corridas.
O posto de aduanas de Belice adolece da mesma enfermedade de sobreburocracia de todo-los paises que se din en vias de desenvolvemento, mais a boa educación, e o respeito, e o pasaporte do Reino de España gañoume un "buenos dias, bienvenido a Belís" do funcionario. E de alí voltamos o noso destartalado bus para seguir camiño, xa no Belice, pasando polos pobos de Benque, San Ignacio e outros de parecido e resonante nome anglosaxón.

Os ingleses de Río Walis


No tempo en que os españois señoreaban nestas partes da América, foron chegando o francés, o neerlandés e mesmo o inglés, ocupando illas e lugares abandoadas de españois, e de seus orixinais habitantes, que se non caeran primeiro ante as ballestas da oste de Castela, logo pereceron lavando ouro para aqueles.
Destas illas e costas foi que o inglés chegou a barra do río Walis, vivindo do contrabando primeiro e logo de cortar o pau de Campeche, que era apreciado en Europa para tinguir roupa. De ahí logo foise asentando nas Illas de Roatán, na costa de Mosquitia e mesmo na Lagoa de Términos, todos estes lugares da costa atlántica da América Central, deixadas sen colonizar por seren consideradas insáns e por non teren naturais civilizados i en número suficiente que manteran a vida aristocrática que o español pretendía.
Así, de vagar e sen ser notados foron traendo escravos, sostén da economía inglesa nas Indias e fazendo vida do pau e do estraperlo.
Porén chegou o tempo en que, como toda plaga, foron os ingleses extirpados de toda a costa, que das illas de Barlovento e da de Jamaica non se poido, mais por humanidade, ou se cadra xa por desidia, se lles deixou seguir cortando pau, é dicir, vivindo a costa do negro que o pau cortaba, na barra do Walis. Os anos pasaron, e tamén as décadas e pasou o español e o seu imperio e o inglés e seus escravos alí seguían na parte que se deu en chamar de Belice. Esquecidos de todos, e vendo súa pobreza pediron axuda a sua graciosa maxestade que ó fin, correndo o ano de 1862 lles concedeu o privilexio da súa protección, declarando o Belice colonia da coroa. Os gobernantes de Guatemala, se cadra demasiado ocupados en se masacraren os uns ós outros ou de explotar inda mais ós maias que lles daban de comer, non souperon ou mais ben non poideron fazer outra cousa que mirar para eles: ó fin era entón o imperio dos ingleses o estado mais poderoso da terra. Entre grandes retóricas, da unha e da outra parte, alí xestouse unha nación, mesturada do orixinal maia Queqchí, do mestizo mexicano fuxindo da guerra das castas, do negro esclavo, do negro garifuna de San Vicente, do chinés e do inglés que finalmente acadou súa independencia no ano de 1981.

A Illa de Flores


Onde noutro tempo se erguera Nojpetén, a orgullosa capital dos Itzaes, antigos señores de Chichén, non sometidos o xugo español ate o fin do século XVII ,l evántase agora a cidade guatemalteca de Flores, sometida en nosos dias ó xugo do turismo. Alimentada por inmensas fincas gandeiras, consumidas nun sinnúmero de lomitos á brasa, a cidade de Flores-Santa Elena é paso obrigado do viaxeiro que quere admirar as ruinas das antigas cidades de Tikal, Uaxactún e Yaxhá.
O viaxeiro pode parar nunha das numerosas pousadas á beira do lago, erguendo ó son do irritante chompipi, tamén chamado guajalote ou noutras partes pavo, e ó estridente son dun outro ser que os locais chaman gringo, que non só molesta o sono do cansado viaxeiro cedo á mañá, senon que ocupa a maioría das mesas nas fondas á noite, todo o tempo emitindo unha serie de estridentes sons, como de galo ronco, que disque lles serve para se comunicar. Ándase o perímetro da illa nuns quinze minutos, que lle chegan o viaxeiro para se decatar que non lle fica nada que fazer mais tomarse un bo lomito con tortilla e guacamol e regar a gorxa cuns bos litros de Gallo.

As Cidades da Selva


Ten este reino de Goathemala unha parte para o norte que é chamada Petén, que ven significar illa, e lle ven o nome dunha illa nun lago na que as xentes que se chamaran Itzaes unha cidade tiñan construido. É esta parte un tercio de todo o reino, ou república, ou do que de ela ficou i foi nun tempo berce da civilización que se deu en chamar Maya clásica con cidades lexendarias como Tikal, a mais importante de todas, Uaxactún, Caracol, Rio Azul, Naranjo, Calakmul e outras polis que entre elas rivalizaban. ¿Cómo se poideron crear tales cidades no espesor da foresta tropical, cómo se cortaron as centenarias ceibas, cómo se trazaron os campos, os acueductos e as canles para as alimentar, cómo se acarrexaron as pedras para levantar os maxestuosos cues e templos, os admirabeis observatorios astronómicos, a refinada cultura, a exquisita vida dos pazos? Como sempre que os homens estes prodixios fixeron: uns mandando moito, e outros traballando para eles. Foi así que certamente atoparon seu fin estas poderosas polis: cando o labrego se lle cansou de lle construir seus templos, de se deixar sacrificar ante deles, de lle dar de comer as señoritas do pazo e a nai que pareu as plumas de Quetzal que tan riquiñas lles quedaban, todas fashion elas e lles dixo ós señores e señoras que si querían millo, que o sementasen eles, e que a próxima pedra para os seus templos, e a próxima guerra contra o enimigo lla ía loitar sua señora nai.

jueves, 7 de mayo de 2009

Mais Noticias das Montañas



Como xa contabamos noutra ocasión, o entrarmos os españois nestas partes do Reino de Goathemala e sometidos un tras o outro os reinos e os señores Quiché, Kaqchiquel e outros procedeuse a doma e castración do pais para proveito dos membros da esforzada oste e algún enchufado e uns cuantos funcionarios, non estabamos nen daquela libres desta plaga, repartindo terras e habitantes que, visto o fracaso rotundo da resistencia, fuxiron ós montes onde eran cazados noite e dia para os servicios que se lle antoxara ó encomendeiro; contan os cronistas kacqchiqueis: "os quince meses de ter aparecido os casteláns (...) comezaron os tributos (...) durante ese ano impuxeron terribles tributos, tributouse oro a Tuniatiuh (fillo do Sol, nome dado a Alvarado polos Mexica), se lle tributaron catrocentos homes e catrocentas mulleres para ir lavar o ouro. Toda a xente extraía o ouro. Tributáronse catrocentos homes e catrocentas mulleres para traballar na cidade por orde de Tuniatiuh". A tal punto chegou o abuso que mesmo el Rei mandou parar, enternecido seu corazón polos alegatos do dominico Bartolomé Casaus ou de las Casas, ademais de que, ó ritmo que ían os bestias dos encomendeiros non lle ía ficar o rei nen un mal natural que lle tributara a coroa e así publicaronse as leis novas, que foron alivio pois "suspendeuse o tributo de mozos e mozas (...) e cesaron as mortes polo lume e na forca e cesaron os despoxos dos casteláns"; a cousa boa tampouco durou moito, porque abundaron as rebelións dos españois contra a coroa nos reinos das Indias e ó final, el Rei ficou contento conque se mantiveran condicións mínimas que garantizaran a existencia física dos naturais, na pobreza mais miserable, mais vivos e capaces de traballar, na teoría contratados libremente, na práctica sometidos a mil enganos e abusos, dos que mais lles valía non protestar, e ben entendido pagando tributo a coroa (mais o que os cobradores dos tributos lle roubaban). Mais ó fin, ficaron os naturais concentrados en pobos por labor das ordes relixiosas, e para beneficio do estado e de el Rei, con suficiente terreo para cultivar seu millo e seus frixois e non morrer de fame. Estas terras de indios, ou exidos, sobreviviron á independencia da América Central. Mais unhas cantas décadas mais tarde, en prol do "progreso" e a "igualdade" foron despoxados destes mínimos dereito en grande medida. Nembargantes, algún destes exidos conserváronse.
Nun deses exidos, esquecidos do mundo, nas montañas cubertas de piñeiros, rodeados de neboas, vivían as xentes. Pero un mal día chegaron homes, que por favor dun presidente que disque vivía na capital, proclamaron súa a terra e exixiron renta. As xentes logo comezaron a pagar aluguer por suas terras e inda tiveron que voltar a tributar mozos e mozas para ir traballar na caña e no café. E os usurpadores venderon algunhas terras, llas deron ós seus fillos e viviron ben a costa do traballo gratuito das xentes da terra. E pasaron os anos, e pasou mais dun século e inda non fai moito forzaron ás xentes a comprar a sua propia terra. E velaí que se descubre que era todo mentira, e que os que se chamaban donos non tiñan nen título nen papel algún que avalara a posesión e que a terra seguía sendo exido, e que os que desde sempre nela sembraron eran seus propietarios, e a xente deixou de pagar a renta. Mais os "donos" da capital inda ricos dabondo non deixan ás xentes en paz, e lles mandan capataces e policías e predicadores evanxélicos e inda "venden" os terreos a terceiras partes e así andan hoxe as xentes en pleitos e abogados e cortes e xuizos. Imaxínense como fose que chegasen xentes ás suas casas e dixeran que son suas e que a policía en vez defender ó lexitimo propietario se puxera de parte dos "ocupas" e inda tiveran que ir a xuizo por ver a quen lle pertence súa casa.

domingo, 26 de abril de 2009

No Altiplano

Se pensaren que recrearse nas Istorias de tempos pasados é cousa sen proveito nen beneficio, basta deixar atras as luces da capital, seus rapaces con gorras para atras, seus centros comercias, sua televisión por cable e entrar nas aldeas do altiplano para que o pasado nos cruze a cara. Eiquí, a esclavitude, sexa chamada encomenda, repartemento ou lei contra a vagancia inda desapareceu fai duas xeracións; os pais das xentes do retrato inda eran secuestradas cada ano para recoller café nas fincas de certos señores, en moitos casos recén chegados de Europa, ou enviciados en extravagante preguiza na capital, fazendo viaxes polo mundo nas costas dos seus ignorantes indios, seus brutos indios, seus indios que os manteñen, seus indios que inda os enganan con contas de cores, seus indios que os embeben en sectas evanxélicas perpetradas na terra do ianqui para que o indio fique indio, para que o indio faga o que ten que fazer, para que traballe e non amole, que o indio todo atura, e o indio sempre cala.

jueves, 9 de abril de 2009

De fazañas e roturas

Foi que nas andanzas que nesta parte do Reino de Goathemala me acontecenron, que un dia fui convidado a participar no noble arte do xogo de pelota, xa practicado polos maias de antes e mais os de agora, sendo pois exercicio de nobre e antiga tradición, representado nas estelas das grandes urbes maias de antaño, de Tikal e de Cobán de Iximché e inda de Iaxactun, no que inda os sabios debaten se as representacións deses gloriosos antepasados levaban camiseta do Barça ou do Madrid. O xogo está cirscunscrito nunha cosmoloxía antiga como o mundo, onde duas equipas dun lado e tambén do outro manipulan unha figura esférica, nun campo que representa o mundo e unha equipa tenta superar a outro en destreza e forza sendo a equipa que non acade a vitoria ¡alas! sacrificada ós deuses, ou na versión mais moderna, a pagar as cervexas.
Participei logo de tan nobre xogo, con grande fortuna e conseguin gañar tantos para a miña equipa mais desgracia miña, non agradei os deuses que ferozmente contra min tornaron e dando sobrehumana forza os outros xogadores, caeron sobre min ropendome os osos todos.
Como contou o cronista e gran xogador, e gran bebedor de cervexa, chamado de todos Güero: "el cerote del español para una vez que algo juega vos, va y el solito queriendosela quitar al vejete vos, va y se cae todo el solito y el muy cerote aún se rompio la pierna vos"

viernes, 13 de marzo de 2009

De Teito, Leito e Macarróns




Asentados pois na Cidade da Asunción de Goathemala tivemos resolver primeiro de todo o problema de encontrar teito. Cousa facil sería, se tempo houbese, que había, e se non fose por estar a miña fermosísima Señor a me tentar os nervios todo o dia, para que saira a buscar vivenda, por mor do par de ratos que no hotel nos comían as provisións, ademais da falla de televisión por cable e piscina climatizada.
Certo é que a sorpresa de ter unha temperatura inferior ós 10 grados de mañanciña de portas afora, e moitos grados por debaixo de portas adentro debido ó maravilloso diseño do hotel onde morabamos, tiña afectado o ánimo da miña Tropicalísima.
Traballo costou, mais ó fin atopamos morada. Alonxada do centro da cidade, nunhas fragas que desaparacen a alarmante ritmo (o mesmo ritmo que a xente compraren unha casa nas fragas) e cunhas medidas de seguridade diñas dunha base militar, incluíndo duas garitas e unha torre de vixianza no que sempre hai un señor con escopeta (claro que un rifle sería mais efectivo ca recortada que leva sempre colgada do ombreiro). En resumo, como un esqueza a clave lle vedan a un a entrada neste paraíso de xardíns ben cortados, limpos e de casiñas blanquiñas, todas iguais e rodeadas de arame espiño. Veñen á mente as palabras de aquel Jara nas suas "Casitas del Barrio Alto".

domingo, 8 de marzo de 2009

A Antiga


Falabamos anterioremente da Cidade de Santiago, a xoia do val de Panchoy, que agora é chamada a Antiga, por ter sido a primeira, este, non, a segunda, e dicir a terceira das cidades que foron fundadas como capital da que foi Capitanía Xeral de Goathemala, que chegaba da gobernación de Chiapa ou Xoconusco ate a da Costa Rica. Segundo o cronista Vasquez de Espinoza, Santiago: "colle sitio de unha moi grande e populosa cidade, toda da mais boa casería e fábrica, as ruas ben trazadas e dereitas, e ten praza principal, que é moi boa e cuadrada (...) na que está a Igrexa Cathedral, que é moi grande e capaz (...) no frente dela é tamén de portais de moi boa fábrica(...) Ten esta cidade famosos conventos (...) moi suntuoso con grandiosa igrexa moi adornada (...) ten pegado un colexio, no que se leen artes e teoloxía e outras ciencias(...) é un pedazo de paraíso con moitas hortas e frutais, de España como da terra(...) seméntase grande cantidade de millo, trigo, fabas, garbanzos e frixoes con todas as demás sementes, legumes e hortalizas, de España e da terra, que se dan en abundancia(...)Ten mais de 1000 viciños, sen contar moitos escravos negros e mulatos e indios de servicio(...)"; En resumo, era esta cidade un paraíso na terra, de boas casas branquísimas (agora son de cores porque a pintura plástica e mais barata que o encalado), coas suas rectas ruas, sua praza grande, con fontes, e frutais, patios...onde os viziños vivían vidas regaladas (aquel encanto colonial que lle din agora), de non traballar porque para traballar xa estaban os indios do servicio, residentes nos pobos do val, ós que se tiña sometido con terror e azotes por calquera motivo ou sen el; de esta vida preguizosa e cruel non podía sair mais que unha caterva de señoritos pisaverdes, de, engadiría eu, individuos, ós que había que axudar ate para facer pipí. E inda liberados da tiranía do Rei de España, xa poideron logo caer sobre o natural (o indio) sen mais lei que os controlara que os seus apetitos desmedidos. Non é pois estraño a paradoxa, que o inglés, que chegado a esta parte das Indias un século e medio despois que os españois, que pasou outro século agochado i en probeza nos pantanos de Xeorxia, de Mosquitia ou do Río Velis, apañando as sobras que caían das mesas dos españois, agora sente na mesa, como se de persoa se tratara, asoballa e ameaza e inda se fai chamar americano.

lunes, 2 de marzo de 2009

A Cidade dos Perigos


Disque a cidade de Guatemala ten moito perigo, polas malas xentes que por ela andan, polas balaceras que en cada canto ocurren, polos asaltos, violacións, secuestros, apaleamentos, linchamentos, incendios, terremotos, choivas de meteoritos, ataques extraterrestres, maldicións diviñas, infartos de miocardio ó borde de precipicios, erupción volcanicas, peste bubónica, as sete pragas, estrangulamento por anaconda, estrangulamento sen anaconda, crucifixións, cancións dos Hombres G, este, en fin, é esta unha cidade de non moi boa reputación.

E así, heroicamente, valerosamente, intrepidamente engadiría saín con miña fermosa e tropical señora por vez primeira as ruas deste inferno na terra, tétrico, sinistro, ameazador, en fin, que da mais medo que se cruzar coa Santa Compaña cando un vai facer de campo por ahí e ademais vai solto da tripa, e mais non ten con que limpar, e vai oscuro e se lle están a agotar as baterías da linterna e mais acaba de se meter nunha bosta de vaca e ven de nela esbarar xusto na beiriña do acantilado...

Sobrevividas as primeiras horas, e dando conta dunha cervexa e dunha bebida que non sei que tiña mais era vermella, burbullaba e cheiraba a sufre, mais uns pans con chourizo, que aquí chaman jo(t)dogs, non por antihixienicos non mais sabrosos, decatamonos que os auténticos perigos desta cidade son dous: os autobuses urbanos e as cancións dos Hombres G.

Viaxeiro: non lle fagas caso o que te contan, mais ven a ver por ti mesmo...

miércoles, 18 de febrero de 2009

A Capital


Destas alturas santacruceñas descendimos logo duns días á capital, que sería noso fogar polos próximos dous anos. Nesta altura paga a pena facer unha pequena reseña da istoria de esta cidade.

Saiban suas mercedes e seus mercedos, que en entrarmos os españois nesta parte de Guatemala, sendo o ano de 1524, co noble propósito de traer seus naturais á vera Fé e os liberar dos despóticos tiráns que os rexían, e de paso facerse ricos a sua costa, ou mais ben sobre as costas, dos naturais, este, asentou campo e concello o capitán da oste, o famoso Don Pedro de Alvarado, mais coñecido polo grandísimo profesionalismo da sua señora mai no oficio que lle din o mais antigo, D. Pedro, digo fundou en Iximché, capital que era dos seus aliados mayas Caqchiqueis a capital do reino, dándolle por nome Santiago. Non durou moito esta primeira capital, pois ó pouco, os taimados caqchiqueis negáronse a seguir pasando fame, desatendendo colleitas e familias para iren buscando ouro para tributar os españois, xusto pago que era polos caros servicios no pertencente a Fé e a civilización que estes lles prestaban. Sempre haberá xente desagradecida.

Solventado os problemas, digamoslles tributarios, e deixando ós naturais sometidos, reducidos nas ensinanzas da vera Fé, e ó cargo dos seus antigos tiráns, agora capataces, o esclarecido capitán estableceu capital no val de Almolonga, na falda dunha fermosa montaña, que lle dixeron da auga, por ter unha lagoa no seu cumio, correndo o ano de 1527. Mais catorze anos despois, unha noite sobreveu a traxedia, e a montaña, que resultou ser volcán, sepultou a recén fundada cidade de Santiago. Un erro o pode ter calquera.

Non foi este motivo de desánimo para os poucos sobrevivintes pois caendo sobre, digo trasladándose ó cercano val de Panchoy refundaron a cidade de Santiago dos Cavaleiros, en tan fermososo val, rico en cereais e frutas e outras moitas cousas de proveito que os naturais do val, xenerosamente cedían, mais lles valía, ós veciños da nova cidade. Foi esta cidade xoia das Indias, diseñada por arquitecto italián e todo iso, fermosa, de igrexas, pazos, colexios e hospitais, sede do goberno, sé de cuatro dióceses, da universidade, berce de cultura e civilización. E recén estaban rematadas a catedral e o pazo dos capitáns xerais, deulle a terra por se sacudir no ano de 1773 e día da festividade de Santa Marta deixando a cidade en ruinas.

Vendo que nen a terceira, trasladouse entón e de forma definitiva a capital, sé, goberno e concello ó val da Ermida, i esta vez sen lle chamar Santiago, non fose o demo, que algo lle volvese a pasar, ou quezabes foi mesmo o Santo Apostol, vendo que tanta carga lles causaba ós naturais a cidade do seu nome. Así, a cidade capital chamouse Nova Guatemala da Asunción.

A refundación da cidade foi recebida con grande alegría e alborozo nos pobos do val de Panchoy e con grande aflición e choros, nos pobos do val da Ermida. Vaian vostedes saber porqué.

lunes, 2 de febrero de 2009

Rumbo ás alturas


Na seguinte xornada alcanzamos xa gran altura, concretamente, os mais de dous mil metros sobre o nivel do mar nos que se encontra a vila de Santa Cruz del Quiché, comprobando que o que se gaña de trópico por latitude perdese por altitude, en resumo, en troques da paisaxe de cocoteiras e praias de area blanca, atopámonos nunha paisaxe de piñeiros, abetos, cedros, carballos millo e neboa. Temperatura mediante, desenvolveu a miña fermosísima e moi tropical señora unha grande afición a gastronomía local, especialmente ó tempo de ser cociñada, no que aquí apropiadamente chaman estufa.

Calefacción aparte, entramos aquí en contacto con caldos de res, de gallina, tortillas, atoles, frijoles, te jamaica, tortillas, tamales rojos, tamales negros, frijoles, quesadillas, tortillas, uacamoles, frijoles, chirmol, churrasquitos, pepianes, tortillas, kak'ikes, frijoles, ceviches, chiles rellenos, frijoles, cerveza Gallo, Cabro, Moza e Dorada e ante todo, sobre todo e en todo, frijolitos e tortillas de millo, "los tres tiempos" é dicir, almorzo, xantar e cea.

Chegada o pais dos volcáns


Tempo ha que quero poñer por escrito as andanzas que anduvimos e as aventuras nas que nos envolvimos, e como se desenvolveron desde que chegamos a estas terras de América. E aquí, por fin, chega a primeira parte, na que se relata como chegamos a esta cidade de Guatemala.

Foi a viaxe interesante, digo interminable, por ser obligados a voar con esa compañía orgullo da nosa aviación, modelo de eficiencia e cortesía, asoballados, insultados e de mil maneiras maltratados por eses admirables tripulantes, de gran profesionalismo e sangue frío, capaces de atropellar co carrito o incauto pasaxeiro mentras falan a gritos ca compañeira 40 filas mais en diante. Tamén tiveron o detalle de nos perder parte da equipaxe, tradición e marca da casa, precisamente onde toda a roupa interior ía.

Entre equipaxes e istorias acontecen as primeiras dificultades idiomáticas, e son amablemente requerido a lle "mostrar la colita por favor" a unha empregada do aeroporto co obxeto de recuperar, precisamente, a roupa interior. Outras dificultades pasou miña señora, por sorpresa dos funcionarios que nunca tiveran escoitado de un lugar chamado Illas Filipinas, nen que nel houvera xente. Despois de algún debate, sobre a vida, tempo, matrimonio, fauna salvaxe, astros, materia oscura, antigos mayas, fondos mariños, a vida do mais aló e chocolatinas, algo xa cansados mais felicitados e agasallados polos funcionarios de aduanas conseguimos sair do aeroporto de La Aurora; Guatemala, ó fin