viernes, 22 de mayo de 2009

Os ingleses de Río Walis


No tempo en que os españois señoreaban nestas partes da América, foron chegando o francés, o neerlandés e mesmo o inglés, ocupando illas e lugares abandoadas de españois, e de seus orixinais habitantes, que se non caeran primeiro ante as ballestas da oste de Castela, logo pereceron lavando ouro para aqueles.
Destas illas e costas foi que o inglés chegou a barra do río Walis, vivindo do contrabando primeiro e logo de cortar o pau de Campeche, que era apreciado en Europa para tinguir roupa. De ahí logo foise asentando nas Illas de Roatán, na costa de Mosquitia e mesmo na Lagoa de Términos, todos estes lugares da costa atlántica da América Central, deixadas sen colonizar por seren consideradas insáns e por non teren naturais civilizados i en número suficiente que manteran a vida aristocrática que o español pretendía.
Así, de vagar e sen ser notados foron traendo escravos, sostén da economía inglesa nas Indias e fazendo vida do pau e do estraperlo.
Porén chegou o tempo en que, como toda plaga, foron os ingleses extirpados de toda a costa, que das illas de Barlovento e da de Jamaica non se poido, mais por humanidade, ou se cadra xa por desidia, se lles deixou seguir cortando pau, é dicir, vivindo a costa do negro que o pau cortaba, na barra do Walis. Os anos pasaron, e tamén as décadas e pasou o español e o seu imperio e o inglés e seus escravos alí seguían na parte que se deu en chamar de Belice. Esquecidos de todos, e vendo súa pobreza pediron axuda a sua graciosa maxestade que ó fin, correndo o ano de 1862 lles concedeu o privilexio da súa protección, declarando o Belice colonia da coroa. Os gobernantes de Guatemala, se cadra demasiado ocupados en se masacraren os uns ós outros ou de explotar inda mais ós maias que lles daban de comer, non souperon ou mais ben non poideron fazer outra cousa que mirar para eles: ó fin era entón o imperio dos ingleses o estado mais poderoso da terra. Entre grandes retóricas, da unha e da outra parte, alí xestouse unha nación, mesturada do orixinal maia Queqchí, do mestizo mexicano fuxindo da guerra das castas, do negro esclavo, do negro garifuna de San Vicente, do chinés e do inglés que finalmente acadou súa independencia no ano de 1981.

No hay comentarios:

Publicar un comentario